A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrará do 2 ao 5 de xuño a súa 44ª edición, que xa se está promocionando

Silleda, 16 de setembro de 2021.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrará a súa 44ª edición do 2 ao 5 de xuño de 2022.

O certame levou a cabo a principios deste mes de setembro unha edición especial 2021, a cal superou as expectativas tanto da organización como da inmensa maioría de expositores, recibindo a preto de 57.000 persoas durante os seus tres días. Unha feira segura que contou con 389 expositores, unha superficie neta de 8.595 metros cadrados e 130 actividades, conformando unha interesante proposta coa que deu un paso adiante para recuperar en 2022 as condicións que a teñen levado a converterse nunha cita de referencia.

A entidade feiral comezou xa a traballar nesta 44ª edición, a cal conxugará de novo negocio e entretemento nunha fórmula que o público apoia ano tras ano pola súa diversidade e atractivo, e que volverá contar de forma paralela co  XXV Salón de Alimentación do Atlántico,  Salimat Abanca; o  XI Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e a VIII Feira de Festas de Interese Turístico,  Festur, e tamén a VIII Feira de Caza, Pesca e Natureza,  Fecap Abanca.

Presenza en Agro

Neste labor que está a realizar o equipo da Fundación Semana Verde de Galicia para esta nova cita, o certame conta cun stand na 53ª  Feira Internacional de Agricultura,  Pecuária e  Alimentação,  Agro, a cal se celebra desde hoxe ata o vindeiro domingo no  Altice Forum de Braga (Portugal).

Esta participación, enmarcada nun convenio de colaboración entre a Fundación Semana Verde e  InvestBraga, promotora do evento, pretende dar a coñecer no país veciño a 44ª edición da feira.

Así, ademais desta presenza con stand, tamén se realizarán visitas a moitos dos expositores do certame portugués para darlles a coñecer as vantaxes de formar parte da próxima convocatoria de Abanca Semana Verde.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas