A feira acuícola AquaFuture Spain ampliará o seu espazo ao estar reservado o 80% da exposición a oito meses de celebrarse

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021.- A feira internacional de acuicultura  AquaFuture  Spain, a cal terá lugar do 24 ao 26 de marzo do próximo ano no recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA, conta a oito meses da súa celebración con máis do 80% do seu espazo reservado. Unhas cifras que supuxeron que a empresa organizadora do certame,  OK Eventos, tivese que ampliar a exposición planificada inicialmente para este evento.

Así, xa superan amplamente o centenar as empresas que confirmaron a súa presenza nesta feira, a cal se converterá na primeira con esta temática que se celebra en España desde o ano 2010. Estes expositores son de 18 países tanto de Europa como de Asia, Latinoamérica, América do Norte ou Sudáfrica. Así mesmo, a inmensa maioría das principais empresas galegas e españolas do sector apoian este proxecto, que está camiño de converterse en referente internacional.

Estas compañías conformarán a denominada  ExpoFuture, área expositiva que crece ata os 11.000 metros cadrados, onde se presentará o último no mercado e promoverase o establecemento de liñas de negocio e sinerxias. Contará con presenza tanto o sector produtivo como organismos oficiais e institucións públicas, ademais de novos emprendedores e  star- ups, que terán a oportunidade de presentar os seus proxectos.

Gran número de presentacións

A este crecemento de expositores súmanse as propostas de moitas entidades e empresas privadas para realizar presentacións de proxectos, investigacións e produtos no espazo  InnoAqua. Así, ademais de dúas conferencias maxistrais e oito mesas redondas organizadas pola feira, xa son doce as empresas que participarán neste foro, cuxo obxectivo é promover a innovación e a transferencia de coñecemento.

A  ExpoFuture e  InnoAqua sumarase  AquaPoint, un espazo dinámico de reunións, contratación e encontros empresariais entre todos os  stakeholders que constitúen a cadea de valor da acuicultura. Ademais, uniranse outras formas  experienciais de mostrar o produto, a través de xornadas de degustación e  showcookings que permitirán coñecer as aplicacións dos produtos acuícolas na cociña moderna e tradicional.

Con todo iso,  AquaFuture  Spain´22, que conta coa empresa  Morenot como patrocinador oficial e  Hipra, Abanca,  Acuiplús e  JJChilolino como colaboradores, será un punto de referencia para que os profesionais do sector acuícola internacional coñezan as últimas innovacións tecnolóxicas e estratexias do mercado, sempre baixo o enfoque da xestión sostible dos recursos.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas