Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde, elixido vicepresidente primeiro da Asociación Europea de Mercados de Gando

Silleda, 2 de decembro de 2020.- O director da Fundación Semana Verde de Galicia e da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, acaba de ser elixido vicepresidente primeiro da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB), a cal ten a súa sede en Bruxelas.

Esta designación tivo lugar onte na Asemblea Xeral da entidade, celebrada de forma telemática, e enmárcase na renovación da xunta directiva da entidade, a cal se leva a cabo cada dous anos.

A xunta da AEMB estará conformada polo francés Gilles Rousseau como presidente; Ricardo Durán como vicepresidente primeiro, o holandés  Andries  Kingma como vicepresidente segundo, o irlandés Ray Doyle como tesoureiro e o belga Joseph  Jouant como secretario xeral, ademais dun membro por país non representado da Asociación, é dicir, un representante de Dinamarca, un de Portugal e catro dos países de Reino Unido.

O obxectivo de Ricardo Durán neste novo cargo será o de contribuír á introdución de novas tecnoloxías nos mercados, facer que estes sirvan de estímulo permanente para profesionalizar o sector e mellorar o benestar animal e a calidade da carne que chega ao consumidor final. Así mesmo, pretende adquirir novos coñecementos que contribúan a mellorar os mercados de gando nacionais a distintos niveis.

Coa súa elección, a Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), da cal é presidente, está presente en Europa cun cargo relevante. Unha representación española a nivel europeo que é de gran interese para os mercados de gando nacionais, tendo en canta ademais a relevancia da AEMB. Exemplo diso é que esta Asociación colabora coa Unión Europea na redacción das normativas que afectan o gando, como as relativas ao benestar animal ou o transporte.

Por outra banda, na Asemblea Xeral da AEMB na que foi elixido Ricardo Durán como vicepresidente primeiro, realizáronse dúas modificacións nos Estatutos, unha delas para permitir a repetición de mandato no cargo de presidente e outra para crear a figura dos membros asociados, que permitirá aos países do Reino Unido permanecer na Asociación tras o Brexit. Así mesmo, abordáronse outros aspectos como a maior presenza da AEMB a través de novas ferramentas tecnolóxicas ou a necesidade de traballar en común co resto de asociados da Unión Europea de Comercio de Gando e da Carne (UECBV), da que forma parte a AEMB, tanto en programas como “Da granxa ao garfo” como en aspectos relativos ao benestar animal no transporte e a lei de sanidade animal.

Implicación no ámbito agropecuario

Ricardo Durán suma este novo cargo da AEMB ao de presidente da Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), para o que foi elixido en setembro de 2019. Ademais, en setembro deste ano a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA pasou a albergar a sede administrativa de ASEMGA, sendo a primeira vez que estaba cambiaba a súa localización orixinal en Talavera de la Reina. Tamén nese momento Julio Pérez, coordinador da Central Agropecuaria converteuse no secretario administrativo da asociación nacional.

Todo iso reflicte a gran implicación da Fundación Semana Verde de Galicia no ámbito agropecuario, xa que a finalidade desta representatividade é traballar para optimizar a actividade gandeira e achegar coñecementos e instrumentos que xeren riqueza no medio rural.

A AEMB

A Asociación Europea de Mercados de Gando ten como membros a once asociacións nacionais, as cales representan a Irlanda, Inglaterra, Escocia, País de Gales, Irlanda do Norte, Holanda, Bélxica, Francia, Portugal, Dinamarca e España, con ASEMGA. A AEMB forma parte da Unión Europea de Comercio de Gando e da Carne (UECBV)
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal