A XGN R Encounter pechou con éxito a súa primeira edición online, cunha gran actividade dos centos de participantes conectados por Internet

Silleda, 13 de outubro de 2020.- A maior lanparty de Galicia logrou sortear a pandemia con éxito, xa que as máis de 50 actividades organizadas tiveron un seguimento notable entre os afeccionados que se sumaron ao evento desde as súas casas. A participación nas sesións formativas e nos concursos de arte dixital, software libre e hardware, ou nas competicións de xogos, superaron as expectativas dos organizadores.

A organización do evento, situada na Feira Internacional de Galicia ABANCA cunha velocidade de conexión de 10  Gbps grazas á tecnoloxía de  R, puido coordinar sen o menor incidente todas as áreas desta edición online da party. Finalmente tomaron parte no encontro máis de 700 persoas, unha cifra que foi valorada moi positivamente pola organización do evento, tanto pola dificultade de manter o interese da cita ao perder o seu compoñente presencial e de relación persoal, como polo alto grao de actividade demostrado polos participantes.

No capítulo de balance, as inscricións nas competicións de creatividade dixital, programación, hardware e videoxogos foron similares, en termos xerais, ás dunha  party presencial. E en canto ás charlas, espertaron especial interese as relacionadas coa intelixencia artificial, o posicionamento SEO, o deseño 3D ou a programación.

De igual forma, o maratoniano programa de Twitch emitido durante os dous días desta cita tecnolóxica, que pechou a súa edición na medianoite do domingo ao luns, cultivou unha audiencia acumulada de varios miles de espectadores, a falta de cifras definitivas.

O evento contou coa colaboración e patrocinio oficial de R por cuarto ano consecutivo, que tamén proporciona a conectividade, e novamente co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas