Un total de 12.877 persoas desfrutaron do Silleda Park, que rexistrou a súa maior cifra de asistencia nun só día

Silleda, 5 de xaneiro de 2019.- Un total de 12.877 nenos e adultos acudiron ao recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA para desfrutar do parque de atraccións Silleda Park, o cal pechou onte as súas portas tras doce xornadas que comezaron o pasado 20 de decembro. Unha asistencia que supón un 53% máis que na pasada edición, cando foron 8.409 visitantes, e que case iguala a maior cifra do parque, a cal ascendeu a 13.211 persoas en 2017.

Esta cifra é valorada moi positivamente pola organización, xa que o temporal que afectou a toda Galicia durante as dúas primeiras xornadas do parque fixo que a concorrencia fose case nula o primeiro día e se reducise de forma moi significativa o segundo día.

A estes bos resultados súmase un récord, xa que Silleda  Park rexistrou o 29 de decembro a maior concorrencia nun só día, con 1.640 visitantes. Na súa última xornada volveu superar os 1.600 e outros tres días os 1.500.

En canto á orixe destes asistentes, volveron contabilizarse máis de 100 concellos diferentes das catro provincias galegas que de novo deixaron patente a tendencia do parque para acoller cada vez máis público tanto de fóra do municipio de Silleda como de moitas outras comarcas distintas á do Deza, á que pertence o concello silledense.

Un reforzo con éxito

Silleda  Park reforzouse nesta quinta edición co obxectivo de conformar un parque aínda máis atractivo que en citas anteriores. Así, aumentáronse as súas propostas e ampliáronse algunhas áreas, como a súa gran zona  gaming, que grazas á compañía  R converteuse nunha área de videoxogos única no lecer do Nadal en Galicia. Apostouse tamén por incorporar novidades, como novas atraccións que non pararon de funcionar ou unha mostra de dinosauros.

Todo iso supuxo, ademais da gran asistencia ao parque, un rotundo éxito entre o público de todas as súas atraccións, zonas lúdicas, exposicións, espectáculos e talleres.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal