Os parques de atraccións Silleda Park e Santiago Park, propostas de lecer para 14.000 persoas durante este Nadal


Silleda, 8 de xaneiro de 2019.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA organizou este Nadal dous parques de atraccións, a cuarta edición do Silleda Park e o novo Santiago Park, contando neste último coa colaboración do Recinto Feiral de Amio. Ambas citas sumaron 13.988 visitantes, unha cifra destacable na que sen embargo se deixou notar o bo tempo imperante durante a maioría dos días nos que se desenvolveron os parques e que supuxo que moitas familias escolleran actividades de lecer ao aire libre.

En canto ao Silleda Park, que tivo lugar no recinto desta entidade feiral, en Silleda, foron doce as xornadas nas que as portas estiveron abertas para desfrutar do parque, correspondéndose cos días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2,3,4,6 e 7 de xaneiro.

O parque volveu combinar atraccións, zonas lúdicas e deportivas e tamén actividades, conformando un espazo con gran atractivo polo que pasaron 8.409 visitantes de 100 municipios das catro provincias galegas, entre os que se rexistraron tanto familias como grupos organizados de concellos, ANPAs e outros colectivos. Un 81% dos asistentes eran de fóra de Silleda e un 57% de fóra da comarca do Deza (á cal pertence Silleda). Unhas porcentaxes que reflicten unha expansión do evento en canto á procedencia dos visitantes e unha consolidación como proposta de lecer tamén fóra do concello silledense e da comarca dezá.

Entre os asistentes de fóra do Deza rexistrouse unha importante cantidade de persoas de localidades como Santiago de Compostela, A Estrada, Forcarei, Ames, Boqueixón, Vedra, Carballiño, Marín, Pontevedra, Vigo ou Coruña.

Segundo estes datos, obtidos na taquilla do evento, os concellos que aportaron maior número de visitantes foron Silleda co 19%, Lalín co 14%, A Estrada co 7,2%, Santiago co 6,3% e Vila de Cruces co 5%.

De xeito anecdótico acudiron ao Silleda Park persoas estranxeiras de visita en Galicia, como unha familia de Italia, e tamén de distintas partes do territorio nacional, como Ibiza ou Madrid.

Santiago Park

Este novo parque de atraccións, que se celebrou nas mesmas datas que o Silleda Park pero engadindo tamén o 15 e 16 de decembro, rexistrou na súa primeira edición 5.579 persoas. Estas acudiron ao Recinto Feiral de Amio para gozar con gran diversidade de atraccións e unha zona de xogos para os máis pequenos na que tamén se realizaron talleres.

Aínda que acudiron visitantes de preto de 70 concellos, os santiagueses supuxeron nesta estrea o 61% dos asistentes, sendo así de fóra deste municipio o 39%. Os visitantes da comarca de Compostela sumaron o 73%, sendo, polo tanto, de fóra dela o 27%.

Despois de Santiago, os concellos con maior presenza foron Oroso co 3%, Teo co 2,5%, Negreira co 2,4% e Noia, Ordes e A Estrada co 2%

Tamén Santiago Park contou con algúns asistentes estranxeiros, como unha familia francesa de vacacións en Galicia, e de provincias non galegas, como Barcelona, Burgos ou Madrid.
 
© 2019 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal