O parque de atraccións Silleda Park pon en marcha mañá doce días de diversión que se estenderán durante todo o Nadal


Silleda, 21 de decembro de 2018.- O parque de atraccións Silleda Park abre mañá as portas da súa cuarta edición na Feira Internacional de Galicia ABANCA, poñendo en marcha doce días de diversión que se estenderán durante todo o Nadal.

Así, ademais de mañá, as portas do recinto estarán abertas os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2,3,4,6 e 7 de xaneiro. Será en horario de 16.00h a 21.00h.

O parque volverá a combinar atraccións, zonas lúdicas e deportivas e tamén actividades, conformando un espazo con gran atractivo polo que xa pasaron miles de visitantes tanto en familia como en visitas organizadas por concellos, colectivos e centros educativos.

En canto ás atraccións, que aumentan  respecto á pasada edición e inclúen novidades, os asistentes poderán desfrutar de saltamontes, pista de coches, dragón, barco de aventuras, tirachinas, camas elásticas, scalextric, inchables, mini olla, touriño infantil e Mario kart. A elas sumaranse varias áreas lúdicas, como unha de videoxogos e outra de xogos para os máis pequenos,  e tamén pistas deportivas que inclúen fútbol, baloncesto e tenis, ademais de minigolf, ping pong e billar. Tamén haberá un xadrez xigante, unha exposición de figuras de ciencia ficción, unha pista de animal karts, un circuíto de pedais e unha galería de tiro e campo de nerf.

Así mesmo, realizaranse diversas actividades, entre elas talleres de maquillaxe e globoflexia e, como novidade, espectáculos diarios con distintas personaxes de debuxos animados e sorteos. Na xornada de mañá os protagonistas nesta actuación serán a Patrulla Canina e os Angry Birds mentres que o domingo estarán no escenario os Minions e Bob Esponja.

Estas personaxes, e moitas outras como Olaf e Elsa, Micky e Minnie, Daisy e Donald, Peppa Pig, Piolín e Silvestre, Hello Kitty, os Simpson ou Pocoyó, animarán tamén o parque e fotografaranse cos asistentes.

A toda esta oferta, recollida en www.feiragalicia.com/silledapark, engádese a comodidade de celebrarse nun amplo pavillón  climatizado e  con servizo de restauración.

A entrada contará cun prezo único de 6€ por persoa e día (tanto para nenos como para adultos),  podendo acceder a todas as atraccións  e actividades as veces que se queira, coa única excepción dun karting para adultos, que será de pago.

Santiago Park


A Feira Internacional de Galicia ABANCA organiza tamén este Nadal, coa colaboración do Recinto Feiral de Amio, o novo parque de atraccións Santiago Park. Este, que xa se celebrou os pasados 15 e 16 de decembro, volve abrir as súas portas mañá e continúa nas mesmas datas que o Silleda Park.

Contará con gran diversidade de atraccións e tamén unha zona de xogos para os mais pequenos que inclúe actividades de globoflexia e maquillaxe. A entrada tamén ten un prezo único de 6€ para nenos e adultos, o aparcadoiro é gratuíto e ofrece servizo de restauración.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal