A Fundación Semana Verde de Galicia e Abanca asinan un acordo que permitirá aos expositores financiar a súa participación nas feiras


  • O OBXECTIVO É FACILITAR A TODAS AS EMPRESAS A SÚA PRESENZA EXPOSITIVA EN CALQUERA DOS CERTAMES DA ENTIDADE FEIRAL E QUE POIDAN BENEFICIARSE ASÍ DO NEGOCIO QUE ESTES XERAN
  • OS INTERESADOS CONTARÁN CON CONDICIÓNS PREFERENTES E DEBERÁN NEGOCIAR COA ENTIDADE BANCARIA
Silleda, 28 de novembro de 2018.- A Fundación Semana Verde de Galicia e Abanca veñen de firmar un acordo que permitirá aos expositores da entidade feiral financiar a súa participación en calquera dos seus certames.

O obxectivo de ambas entidades é facilitar a todas as empresas a súa presenza expositiva nos certames da Feira Internacional de Galicia ABANCA e permitir así que se beneficien do negocio que estes xeran.

A través deste acordo Abanca pon a disposición destas empresas unha nova liña de crédito adicional en condicións preferentes, cuxa finalidade será dar cobertura de financiación aos gastos como consecuencia da instalación dun stand na área expositiva das feiras.

Os expositores deberán negociar coa entidade bancaria a cantidade e condicións desta oferta financeira, a cal terá unha duración dun ano e poderá prorrogarse previo acordo entre as dúas partes.

Estreita relación con Abanca

Este acordo acadado entre a Fundación Semana Verde de Galicia e Abanca intensifica a xa estreita relación que ambas entidades manteñen dende xuño de 2015. Entón, a través dun convenio que foi renovado en maio deste ano, a entidade bancaria comezou a patrocinar o recinto feiral e os seus eventos centrados no sector agropecuario. Ademais, Abanca forma parte do Padroado da Fundación.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal