Unha importante empresa produtora de alimentos de cáñamo industrial vinculada co medio rural terá un centro na Feira Internacional de Galicia ABANCA


  • ESTE ESPAZO DE PRODUCIÓN FORMA PARTE DUN PROXECTO DA COMPAÑÍA O´NAY CLINIC QUE SUPORÁ A CREACIÓN DUNS 60 POSTOS DE TRABALLO DIRECTOS E INDIRECTOS E TAMÉN INCLÚE A EXPLOTACIÓN AGRARIA EN SILLEDA DE 50 HECTÁREAS EN ALUGUER OU CON COMPRA DA COLLEITA
  • MEDIANTE ESTE ARRENDO A ENTIDADE FEIRAL DA USO POR PRIMEIRA VEZ A UN ESPAZO QUE NON FORA EMPREGADO ATA O MOMENTO, O CAL SE TRATA DA PLANTA SUPERIOR DUN DOS EDIFICIOS SITUADOS NO ACCESO PRINCIPAL DO RECINTO
  • O OBXECTIVO DA FUNDACIÓN  SEMANA VERDE É XERAR ACTIVIDADE E INCREMENTAR OS TEMPOS DE OCUPACIÓN EFECTIVA DO RECINTO, ADEMAIS DE REDUNDAR NO BENEFICIO DA COMARCA COA XERACIÓN DE EMPREGO
Silleda, 31 de outubro de 2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acaba de pechar un acordo para a localización no recinto dun centro de produción da firma O´Nay Clinic, unha importante empresa vinculada co medio rural e centrada na produción, elaboración, transformación e envasado de produtos alimenticios de cáñamo industrial.

Esta planta, que segundo O´Nay Clinic será a máis grande en Europa deste tipo, forma parte dun proxecto máis amplo da compañía, o cal inclúe tamén a posta en marcha dunha explotación agraria. Para isto, e co obxectivo de poñer en valor as parcelas de cultivo abandonadas ou en desuso, a entidade está a arrendar zonas de cultivo no municipio de Silleda e tamén comprará colleitas a propietarios doutras parcelas que queiran cultivar as súas sementes. En total a firma espera que sexan unhas 50 hectáreas.

O´Nay Clinic, que ten a súa sede e outro centro de fabricación en Santiago de Compostela, levará a cabo neste espazo do recinto a elaboración e/ou envasado, entre outros produtos, de aceite de cáñamo industrial, flores desta planta para infusións, fariña de cáñamo industrial ou complementos alimenticios.

A empresa, que comezará a súa actividade nuns meses e que instalará maquinaria de última xeración valorada en 2 millóns de euros, indica que este proxecto suporá a creación duns 60 postos de traballo directos e indirectos, os primeiros para labores tanto nas instalacións da planta como nalgúns campos de cultivo e os segundos noutros sectores auxiliares que se contratarían na propia zona.

Ocupación do recinto e beneficios para a comarca

O local que ocupará este centro de produción suporá que a Feira Internacional de Galicia ABANCA de uso por primeira vez dende a construción do recinto, en 1996, a un dos seus espazos. Trátase da planta superior do edificio administrativo situado no acceso principal ao recinto, o cal estaba proxectado inicialmente para acoller a sede da Fundación Semana Verde e conta cunha superficie de 950 metros cadrados.

Este edificio estaba incluído nos estudos e xestións realizados pola Fundación Semana Verde de Galicia para acadar unha maior ocupación do recinto, sendo outro dos exemplos deste traballo a localización no edificio do auditorio a partir do vindeiro ano do Museo do Campo Galego.

Con este alugueiro a O´Nay Clinic vai ser rehabilitado e empregado de forma permanente un edificio que non se usara ata o momento e que pola ampla variedade de espazos dos que dispón o recinto non é necesario para o desenvolvemento das distintas actividades que a entidade feiral realiza ao longo do ano. Uns eventos temporais que para a Fundación supoñen  a súa prioridade para a ocupación do recinto, sendo mostra disto as citas que se celebrarán neste 2018. Ascenderán a  finais de ano a un total de 25, un 78% máis que en 2017, cando o calendario da entidade feiral acollera 14 eventos.

Así, o obxectivo coa firma deste acordo é favorecer o incremento do tempo de ocupación efectiva do recinto e xerar actividade a través dun alugueiro que, sen interferir na realización de eventos, redunda nos seus ingresos e no beneficio da comarca.
 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal