A feira Abanca Semana Verde de Galicia celebrará a súa 42ª edición do 6 a 9 de xuño de 2019


Silleda, 6.7.2018.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 6 ao 9 de xuño do vindeiro ano a 42ª edición da feira Abanca Semana Verde de Galicia e tamén os seus catro certames paralelos.

A organización comezará a traballar xa nos vindeiros días nesta nova cita, na que se pretende seguir incrementando a gran participación na última edición tanto de entidades galegas e doutras comunidades autónomas como de expositores estranxeiros, ademais da importante implicación de grandes empresas.

A feira volverase a deseñar como un gran certame de mostras e ocio no que a diversidade e as novidades serán a clave tanto da súa exposición como das súas actividades. Así, ofrecerá unha proposta con gran atractivo que permitirá ao público percorrer unha enorme área expositiva con presenza dos máis variados sectores e desfrutar dun amplísimo programa lúdico con propostas para todos os públicos. Unha formulación coa que manterá a súa condición de cita multisectorial de referencia no noroeste peninsular.

De forma paralela á 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrarase o vixésimo terceiro Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que segue a medrar como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico. Nas mesmas datas levarase a cabo a sexta edición da Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, a cal continúa a ser o único espazo de converxencia con esta temática da comunidade galega.

Ademais, celebraranse simultaneamente o IX Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e a VI Feira de Festas de Interese Turístico, Festur. Dúas citas complementarias que cada vez máis conforman un efectivo escaparate do sector.

Gran éxito en 2018

A última edición de Abanca Semana Verde de Galicia, que tivo lugar xunto aos seus certames paralelos entre os días 7 e 10 do pasado mes de xuño, converteuse na mellor edición dos últimos tempos. Non en van acadou un gran éxito tanto a nivel expositivo como no espectacular respaldo do público, o cal superou moi amplamente os 100.000 visitantes.

Contou con 710 expositores directos, un 11,4% máis que en 2017, entre os que destacou o incremento de empresas estranxeiras, cun 54% máis, e doutras comunidades distintas á galega, cun 49% máis. Estes expositores ocuparon unha superficie neta un 14,5% maior, chegando aos 17.812 metros cadrados, mentres que o espazo ocupado por estes máis as actividades (que acadaron as 200) ampliouse nun 14%, ata os 89.173 metros cadrados.
 
Uns excelentes resultados aos que se sumou a satisfacción xeralizada de expositores e visitantes  tanto na vertente de negocios como na máis lúdica.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal