A 41ª feira Abanca Semana Verde de Galicia recibe un espectacular respaldo do público e supera moi amplamente os 100.000 visitantes


Silleda, 10.6.2018.- A 41ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia remata nunha hora unha edición que se ten convertido na mellor dende fai décadas tanto polo apoio dos sectores presentes e a implicación de grandes empresas cos que comezou a feira como pola enorme afluencia, a cal se estima que superou moi amplamente os 100.000 visitantes.

En canto a esta asistencia, foi moi notable durante as dúas primeiras xornadas, as máis centradas na vertente de negocio, chegando na fin de semana a abarrotar tanto os pavillóns como outras zonas do recinto, como o paseo central ou o ring hípico. Unha espectacular asistencia que fixo que algunhas actividades se viran desbordadas coa participación rexistrada durante onte e hoxe.

Esta 41ª edición da feira contou coa presenza de 710 expositores directos, un 11,4% máis que en 2017, cando foran 637. Unhas cifras nas que destacou un incremento de empresas estranxeiras, cun 54% máis, entre as que sobresaíron as portuguesas, cun 61% máis. Así mesmo, reflexaron unha considerable participación de empresas doutras Comunidades, un 49%, o que supuxo o principio dunha presenza crecente que continuará con entidades coas que xa se manteñen xestións de cara a 2019.

En canto á superficie neta, ascendeu a 17.812 metros cadrados, un 14,5% máis que en 2017, cando foran 15.552 metros cadrados. Respecto ao espazo ocupado por expositores e actividades, ampliouse nun 14%, de 77.930 a 89.173 metros cadrados.

A feira destacou pola súa diversidade e polo apoio de grandes empresas privadas como Abanca, que vén de renovar o seu acordo coa Fundación Semana Verde, Vegalsa-Eroski, Gadis, Carrefour, El Corte Inglés, Decathlon, Stihl e, por primeira vez este ano, Ikea e MediaMarkt. Entidades que respaldaron o certame pero que tamén fixeron un gran esforzo para promocionar tanto a súa gran exposición como o seu intenso programa, con 200 actividades distintas.

Con todo isto, a feira Abanca Semana Verde, que nunca deixou de ser escaparate de Galicia para o mundo, comeza a ser escaparate do mundo para Galicia. E faino cunha edición na que a satisfacción é xeralizada entre expositores e visitantes e tanto na vertentes de negocios como na máis lúdica.

Catro certames paralelos e 200 actividades
O 22º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, converteuse nunha plataforma de negocio e escaparate tanto para a distribución como para produtos de calidade, artesáns, gourmet e innovadores. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron durante os dous primeiros días do certame máis de 1.400 reunións entre 127 empresas e 25 importadores e distribuidores de 14 países.

Na súa área expositiva destacou Alinova, unha área con cerca de 90 innovacións como bombóns de morcilla, xelatina de queimada ou un aceite colleitado baixo a lúa chea. No seu programa incluíronse numerosas catas e show cookings, ademais de talleres, actividades didácticas ou o IV Encontro Gastroblogger.

En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, que contou co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e outras entidades do sector, incluíu  no seu amplo programa numerosas novidades. Algunhas foron o Monográfico de Cans de Caza e a Exposición de Criadores de Elite de Cans de Caza de Galicia, celebradas hoxe, ou o I Concurso Monográfico das razas caninas Grifón Vendeano e Nivernés. Sumáronse a elas cursos de adestramento de cans de mostra, tiro con arco, exhibicións de cetrería, montaxes para pesca ou talleres para escolares.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebran conxuntamente co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contaron coa presenza de distinto tipo de empresas do sector e 35 concellos que promocionaron 45 festas de interese turístico das catro provincias. Na súa vertente profesional incluíuse o II Encontro de Bloggers de Turismo e destacou a Bolsa de Contratación Turística, a cal propiciou máis de 2.500 reunións de negocio entre 124 empresas e 44 turoperadors de 12 países. Entre as propostas para o público xeral tiveron protagonismo as degustación e exhibicións de distintas festas de interese turístico presentes en Festur.

As actividades caninas e ecuestres foron moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras de exhibicións de dog frisbee e cans de raza Rottweiler, de probas oficiais de Agility, unha exhibición do Tercio Norte de Infantería de Marina ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacaron o VI Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes e tamén exhibicións de horseball e propostas co Cabalo de Pura Raza Galega, como un morfolóxico ou demostracións de ferraxe a lume.

A área de gandería tamén ofreceu un completo programa centrado nas razas autóctonas galegas en perigo de extinción, as cales celebraron varios concursos morfolóxicos e o I Concurso Nacional de Manexadores de Porco Celta. Ademais houbo unha exposición da raza Rubia Galega e outra de bois das razas Minhota, Alistana-Sanabresa, Maronesa e Barroça.

O programa completouse con outras actividades de gran interese, como espectáculos de motor, unha exposición de dinosauros animatronics que acado un enorme éxito de público, a xuntanza anual do programa radiofónico Pensando en Ti ou xornadas como o XXII Monográfico de Gando Porcino e a Xornada Internacional do Proxecto Sudoe Agrosmartcoop.
 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal