A Fundación Semana Verde de Galicia e Abanca renovan a súa colaboración


Silleda, 31.5.2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente de honor de Abanca, Javier Etcheverría, presentaron hoxe no recinto Feiral, o acordo polo que se renova a colaboración durante catro anos máis entre Abanca e a Fundación Semana Verde, polo cal a entidade financeira aporta máis de 726.000 euros.

Alfonso Rueda indicou que esta colaboración continua a senda iniciada no ano 2015 e seguirá impulsando a actividade do recinto feiral que ano tras ano vai consolidando a súa recuperación e estabilidade, incrementando tanto o número de expositores como o número de eventos e o número de visitantes que pasan polas súas instalacións.

O acordo recolle que Abanca, que xa é membro do Padroado da Fundación dende o ano 2010, será o patrocinador oficial da Semana Verde de Galicia e do resto de eventos relacionados co sector agrario que se celebren no recinto de Silleda, como o certame de maquinaria agrícola, gandaría e agricultura Cimag- Grandagro.

Con esta colaboración, a Fundación Semana Verde segue a apostar por novas iniciativas para fortalecer a súa actividade feiral, consolidándose como un referente na organización de eventos. Vincular as grandes empresas co recinto feiral era un dos obxectivos fixados no plan de viabilidade e a Fundación ten previsto seguir a explorar esta liña de traballo, aproveitando o seu bagaxe comercial para reforzarse e garantir a súa continuidade, xa que cada vez máis empresas e compañías se interesan pola Semana Verde e se vinculan ao proxecto, como Vegalsa, Gadis, Carrefour, El Corte Inglés, Decathlon ou IKEA dende este ano.

Pola súa parte, o presidente de honra de ABANCA, Javier Etcheverría, indicou que a renovación deste acordo é “un fito de primeiro nivel para o recinto e para as feiras que acolle e, por extensión, para todo o sector primario de Galicia”. Etcheverría remarcou o compromiso que mantén a entidade financeira co mundo agro grazas á unidade especializada ABANCA Agro, que xa é “un referente no sector e dá respostas axeitadas a máis de 42.000 clientes en Galicia”.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal