A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia acollerá por primeira vez un gran Open de Xadrez


Silleda, 9.5.2018.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal celebrará a súa 41ª edición entre os días 7 e 10 de xuño, incluirá por primeira vez un torneo de xadrez no seu programa de actividades. Este conformará unha das interesantes novidades que o certame ofrecerá nesta convocatoria.

O I Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia reunirá a participantes de toda Galicia, converténdose nun destacado torneo para os afeccionados e profesionais deste deporte.

Competirán ao longo do sábado 9 de xuño en seis categorías distintas, as cales serán totalmente independentes e se corresponderán con Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Absoluta.  Xogarase con sistema Suízo a 7 rondas mediante programa informático homologado pola Federación Internacional (3 en sesión matutina e 4 de tarde), co cal ningún xogador quedará nunca eliminado, enfrontándose en cada ronda os xogadores da mesma puntuación.

O torneo, que na categoría Absoluta será puntuable para o ranking internacional Elo FIDE, nace con vocación de continuidade e pretende converterse nunha das citas de referencia do xadrez en Galicia.

Os interesados en participar nesta competición poden inscribirse de forma completamente gratuíta no formulario oficial do evento, ao cal terán acceso dende a  páxina web da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, www.semanaverde.es. Poderán facelo ata o día 8 de xuño ás 15.00 horas.

Medallas e trofeos

O I Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia entregará medallas a todos os participantes ata Sub 14, ademais de trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría.

Así mesmo, na entrega de premios, que terá lugar sobre as 20.00 horas do mesmo día do torneo, realizaranse sorteos de regalos.
 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal