A Feira da Enerxía de Galicia supera xa nun 22% a superficie expositiva da pasada edición


  • O ESPAZO CONTRATADO SERÁ OCUPADO POR MOITAS DAS MÁIS IMPORTANTES EMPRESAS DO SECTOR ENERXÉTICO

Silleda, 3.3.2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA segue a traballar intensamente na organización da segunda edición da Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebrará no recinto do 22 ao 24 de marzo e na que colabora a Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Respecto á súa área expositiva, a pouco menos de tres semanas para a celebración da feira e coa xestión comercial a pleno rendemento, conta xa con 5.243 m² netos reservados, en interior e en exterior, o que supón que supera xa nun 22% a superficie neta coa que contou o certame na pasada edición, a cal ascendera a 4.294m². Estas cifras, que se incrementarán ao estar pechándose a presenza doutras empresas, reflexan que o sector non só segue a apoiar este certame senón que aumenta o seu respaldo ao mesmo.

Este espazo será ocupado por moitas das máis destacadas empresas do sector, as cales continúan a contratar a súa participación estes días  e converterán a Feira da Enerxía de Galicia nun escaparate de todos os ámbitos enerxéticos, dende as enerxías renovables ás convencionais pasando pola mobilidade sostible, eficiencia enerxética, eco-construción, material e equipos para instalacións ou electrónica industrial e automatización.

De forma paralela á exposición celebrarase un atractivo programa de actividades no que volverán a destacar as xornadas técnicas, que xa acadaron gran éxito na pasada convocatoria, celebrada do 14 ao 16 de abril de 2016. Este está a ser deseñado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA e o comité do certame, presidido pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia e composto por destacadas empresas, asociacións, clústers e colexios oficiais.

Converterse en referente do sector

A organización desta segunda Feira da Enerxía de Galicia pretende que esta cita se constitúa dende xa nun foro de referencia para todo o sector e comece a dotarse de carácter internacional.

Así mesmo, entre os seus obxectivos tamén está converterse nun espazo de coñecemento e información útil para os usuarios.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal