A Feira Internacional de Galicia ABANCA promociona os seus eventos do sector turístico e alimentario en Xantar


  • DENDE HOXE ATA O DOMINGO CONTA EN EXPOURENSE CUN STAND NO QUE SE DARÁ DIFUSIÓN ÁS FEIRAS TUREXPO GALICIA, FESTUR E SALIMAT ABANCA
  • A SÚA PRESENZA ENMÁRCASE NO CONVENIO DE COLABORACIÓN ASINADO CO RECINTO FEIRAL OURENSANO O PASADO MES DE OUTUBRO

Silleda, 31.1.2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA participa dende hoxe ata o vindeiro domingo na 19ª Feira Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, a cal se celebra no recinto Expourense.

A entidade feiral está presente cun stand no que durante estes cinco días se promocionarán os seus eventos centrados no sector da alimentación, como é Salimat Abanca, e no do turismo, os cales son o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia) e a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur). 

Con esta presenza pretende intensificar a difusión destes certames e continuar así a incrementar as súas cifras, as cales xa veñen experimentando unha importante evolución nas últimas edicións. Os tres terán lugar do 7 ao 10 de xuño de forma paralela á 41ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Turexpo Galicia, que chega á súa oitava edición, e Festur, á quinta, están inmersos na organización dunha cita que conxugará unha interesante área expositiva,  unha programación especialmente dedicada ás festas de interese turístico e unha importante Bolsa de Contratación Turística que propiciou na pasada convocatoria 2.400 reunións con 44 turoperadores de 10 países.

Pola súa banda, o Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, está a deseñar a súa 22ª edición para converterse de novo en punto de encontro do ámbito alimentario e gastronómico. A súa exposición volverá a ser un atractivo escaparate que unirá a gran distribución coas empresas de produtos artesáns, gourmet, ecolóxicos e innovadores. No seu intenso programa de actividades terán un papel clave os Encontros Internacionais de Compradores, que en 2017 acolleron máis de 1.100 reunións con 21 importadores, distribuidores e restauradores de 10 países.

Convenio con Expourense

Esta participación da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Xantar enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de outubro coa Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, o cal ten como obxectivo promover accións que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade e, de xeito particular, destes dous recintos.

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal