A Feira da Enerxía de Galicia triplica o número de expositores e metros respecto ás mesmas datas de comercialización da pasada edición


Silleda, 28.11.2017.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu esta mañá unha nova reunión do Comité Organizador da Feira da Enerxía de Galicia, a cal celebrará a súa segunda edición do 22 ao 24 de marzo nas instalacións da entidade feiral.

O encontro, que foi presidido polo director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, contou coa participación dunha vintena de destacadas empresas, entidades e colectivos do sector enerxético e empresarial que acudiron co obxectivo de seguir avanzando na organización desta segunda edición de cara a convertela nun referente para o sector.

Durante o seu transcurso abordouse a situación comercial da feira, dándose a coñecer que a catro meses para a súa celebración o número de expositores e metros cadrados contratados é o triplo que o rexistrado nas mesmas datas de comercialización da pasada edición. Unhas cifras que reflexan a boa acollida que está a ter esta segunda convocatoria, na cal tamén se acordou incidir nalgúns subsectores de interese por haber un nicho de mercado a nivel de feiras.

Así mesmo, detalláronse as accións de promoción xa levadas a cabo ou que están en curso, como a participación en feiras da Península relacionadas co sector enerxético ou a presencia en medios técnicos, ademais de facerse novas propostas para continuar coa difusión do evento.

Programa de actividades

Outro dos aspectos nos que se profundou no encontro foi o programa de actividades desta II Feira da Enerxía de Galicia, na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coa Fundación Semana Verde de Galicia a través dun convenio.

Así, ademais doutras propostas, como talleres, circuítos de vehículos eléctricos ou reunións sectoriais, establecéronse algunhas das temáticas das xornadas técnicas. Entre outros temas de interese, estarán presentes a mobilidade alternativa, a eficiencia enerxética, o gas renovable no sector agropecuario, a cogeneración ou a biomasa térmica.

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal