A Feira da Enerxía de Galicia centrou hoxe un dos relatorios do IV Congreso Galego de Xestión Enerxética


Silleda, 8.11.2017.- A II Feira da Enerxía de Galicia centrou esta mañá un dos relatorios do IV Congreso Galego de Xestión Enerxética (Xenergal 2017), o cal se celebra en Lugo ata mañá.

Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, foi o encargado de falar desta nova convocatoria do certame, a cal terá lugar do 22 ao 24 de marzo no recinto feiral.  Baixo o nome “Feira da Enerxía de Galicia, un efectivo espazo de converxencia sectorial que celebra a súa segunda edición”, a conferencia formou parte da primeira mesa do congreso, denominada “Experiencias Institucionais”.

Durante a súa intervención Durán falou da orixe desta feira, dos bos resultados da edición de partida tanto en apoio do sector como en cifras e tamén da súa proposta para a cita de 2018. Respecto a esta salientou que conxugará unha ampla área expositiva con presenza de todos os tipos de enerxía e un ambicioso programa no que as xornadas técnicas terán gran protagonismo, pero que tamén contará, entre outras propostas, con talleres, reunións sectoriais, circuíto de vehículos eléctricos ou entregas de premios.  Así mesmo, destacou a especial atención que se está a prestar na organización ao perfil de público que acudirá ao certame, co obxectivo de acadar o de maior interese para os expositores participantes.

Xenergal 2017


O IV Congreso Galego de Xestión Enerxética, organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), congrega a un centenar de profesionais de toda a Comunidade que poderán asistir hoxe e mañá a 36 relatorios agrupados en trece mesas, as cales contarán coa participación de empresas, institucións, asociacións, universidades, colexios profesionais, centros de investigación e clústers.

Dentro do congreso, que ten lugar na Deputación de Lugo, hoxe desenvólvense sete desas mesas. Estas estanse a centra  no aforro en instalacións industriais, mantemento e xestión da enerxía en edificios, pobreza enerxética e compoñentes sociais da enerxía e no segundo Seminario Técnico Galego de Iluminación, ademais das experiencias institucionais. Tamén nas mesas incluídas nas II Xornadas Galegas de Enerxías Renovables que se enmarcan no congreso se fala hoxe de xeotermia e se inclúe a V Xornada Eólica.

Aos relatorios unirase esta noite unha cea networking na que se departirá sobre as diferentes conferencias e se realizarán contactos profesionais entre os asistentes. Un encontro en liña co obxectivo do congreso, difundir o coñecemento relacionado coa xestión da enerxía pero tamén servir como plataforma de contacto entre profesionais.

Xa mañá as mesas versarán sobre casos de éxito en eficiencia enerxética, innovación e I+D  e tecnoloxías enerxéticas en edificación e usos residenciais, ademais de abordar nas xornadas de enerxías renovables o vehículo eléctrico, a bioenerxía e as  políticas enerxéticas no século XXI.

 
© 2016 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas