Sinatura do convenio de colaboración entre Expourense e a Fundación Semana Verde de Galicia


Silleda, 24.10.2017.- A Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, e a Fundación Semana Verde de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de promover accións que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade e, dun xeito particular, destes dous recintos. Este convenio foi asinado esta mañá nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA por parte dos directores xerais de ambas as dúas entidades, Alejandro Rubín (Expourense) e Ricardo Durán (FIGA).

O documento asinado inclúe accións de intercambio e promoción mutua nas citas feirais organizadas por ambas fundacións. Cabe destacar que o de Ourense e o de Silleda son os dous únicos recintos feirais de Galicia que organizan directamente, co seu persoal, feiras recoñecidas co Selo de Internacionalidade do Goberno de España, sumando en total 4 das 6 celebradas na nosa comunidade. Expourense organiza Xantar (Salón Internacional de Turismo Gastronómico), Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar) e Funergal (Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios). Pola súa parte, a Fundación Semana Verde de Galicia organiza a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, e os seus catro certames paralelos. Ambos os dous recintos organizan unha media de 40 citas ó ano que convocan a máis de 300.000 persoas.

Coa sinatura deste convenio, Expourense e a Fundación Semana Verde reivindican unha vez máis o papel das feiras como centros de negocios e como foros de coñecemento, destacando ademais o papel das mesmas como dinamizadores económicos do lugar no que se celebran.

 
© 2016 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas