Equina 2017 remata tras catro días de actividade, tres importantes competicións e a participación de máis de 200 exemplares


Silleda, 18.6.2017.- O evento ecuestre Equina 2017, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Federación Hípica Galega e a Fundación Semana Verde de Galicia, rematou onte no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA tras catro días de actividade, tres importantes competicións e a participación de máis de 200 exemplares equinos.

Onte ao mediodía entregáronse os premios do III Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, unha proba morfofuncional que foi o eixo central deste evento e que contou coa participación de 160 exemplares procedentes de distintos puntos de Galicia e doutras oito Comunidades Autónomas, como son  Madrid, Castela e León, Castela-A Mancha, Extremadura, Cataluña, Asturias, Cantabria e País Vasco. Entre os competidores volveron a figurar moitas das ganderías de pura raza española máis importantes de España.

O Campión do Concurso foi Resuelto Cen, de Yeguada Centurión (Segovia), mentres que a Campioa do Concurso foi Atrevida MIBXI, de Ganadería Santos Pereira (Ponte Caldelas – Pontevedra). Os Subcampións foron, en machos, Guapo LXVI, de Yeguada Gran Vida (León) e en femias Confitera de Vida, da gandería Villanueva Dacasa (Arzúa- A Coruña)

En canto ao Campión Xoven do Concurso foi Repolón HCL, de Yeguada Hermanos Castro Lago (Sobrado dos Monxes - A Coruña) e a Campioa Xoven Rociera de Vida, da gandería Villanueva Dacasa. Os Subcampións Xóvenes foron, en machos Tornado de Centurión, de Yeguada Centurión, e en femias Fanega CPK, de Ganadería Gornazo (Cantabria)

Os campións adulto e xoven de Mellores Movementos foi, respectivamente Resuelto Cen e Triunfadora Centurión, ambos de Yeguada Centurión. En Funcionalidade o campión foi tamén Resuelto Cen, mentres que o subcampión foi Cristiano CP, da gandería  Manuel Cañas Fachal (A Coruña). En canto á Mellor Gandería, neste campionato resultou gañadora Yeguada Centurión.

Por outra banda, nos premios concedidos por Accega dentro deste concurso os mellores poldro e poldra nacidos en Galicia foron Repolón HCL e Rociera de Vida. O galardón de mellor presentador recaeu en Aveli Moragas.

Este Campionato, celebrado baixo o regulamento da Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE), foi clasificatorio para a final do campionato do mundo que se celebrará do 14 ao 19 de novembro en Sevilla, no Salón Internacional del Caballo (SICAB). O concurso foi emitido a través da web de ANCCE, que estivo presente por primeira vez en Equina cun stand promocional.

II  Concurso de Enganches Indoor de Galicia

Ademais deste Campionato, Equina 2017 acolleu o II Concurso de Enganches Indoor de Galicia, organizado pola Federación Hípica Gallega. Esta proba, que foi a segunda que se celebrou este ano clasificatoria para a Copa Galega de Enganches, levouse a cabo onte con 12 participantes de distintos puntos da Comunidade.  Competiron nas categorías de Limonera, cun cabalo, Tronco, con dous cabalos, e tamén Libre, disputando dúas mangas nas que tiveron que facer o percorrido marcado no menor tempo posible e sen tocar os obstáculos dispostos na pista.

Na modalidade de Limonera venceu Manuel Nistal Franco, de Lalín (Pontevedra), sendo o segundo posto para Carlos Otero Fernández, de A Coruña, e o terceiro para Emiliano González Viqueira, de Santiago. En Troncos o gañador foi Diego Souto Bernardes, de Santiago, acadando o segundo lugar Manuel Nistal Riádigos, de Lalín. En Libre o primeiro posto acadouno Fernando Arenas Roca, de A Coruña, o segundo Jaime Trillo, tamén de A Coruña e o terceiro José Trujillo, de Silleda (Pontevedra).

XIX Copa Accega de Doma Clásica

Por outra banda, Equina 2017 acolleu o sábado pola tarde a XIX Copa  Accega de Doma Clásica, á que concorreron máis de 30 binomios (cabalo e xinete ou amazona) de Galicia, Cantabria, País Vasco, Madrid e Castela e León. Coa participación de exemplares de distintas razas, incluíu dende o nivel 0, no que competiron os máis pequenos, ata o nivel 6, denominado Intermedia I. Nesta Copa os premios especiais de pura raza española foron para Bombón de Vida, que acadou o primeiro posto montado por Diego González López (da comarca do Deza); Orgullo de Vida, que conseguiu o segundo lugar co xinete Joaquín Haba Carrasco (extremeño afincado en Lalín); e Artista de Vida, que obtivo o terceiro posto montado tamén por Diego González López.

Así mesmo, o sábado e o domingo desenvolveuse no marco de Equina un Poni Club, orientado a que os máis pequenos puideran vivir as súas primeiras experiencias a cabalo dirixidos por coidadores técnicos en equitación. Foi realizado coa colaboración de Aprodequs.

 
© 2016 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas