Giacomo Cappaci, considerado o mellor presentador do mundo de cabalos árabes, imparte un clinic na Feira Internacional de Galicia ABANCA


Silleda, 5 de maio de 2017.-A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle esta fin de semana un clinic de cabalos árabes impartido por Giacomo Capacci, considerado o mellor presentador do mundo desta raza.

Organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA), será a súa terceira edición no recinto e está orientado á presentación destes cabalos en concursos morfolóxicos. Contará con máis dunha vintena de alumnos procedentes de distintos puntos de Galicia e tamén doutras comunidades, como Andalucía ou Cataluña.

Este curso, que terá lugar durante toda a xornada de mañá sábado e tamén a mañá do domingo, contará con clases teóricas que abordarán como realizar un programa de adestramento para os cabalos que participan en shows, o programa de alimentación axeitado e o suplemento nutricional para este tipo de animais, o esquilado de cabeza e corpo enfocado a exhibicións (detallando coitelas a empregar e zonas a tratar) e o schooling (exhibición na que se expón o cabalo diante o xuíz). Ademais, analizaranse os diferentes parámetros á hora de puntuar un cabalo de show para sacar a maior nota final ante os xuíces.

Así mesmo, os alumnos inscritos tamén recibirán formación práctica con cabalos no ring hípico do recinto, a cal se centrarán no esquilado de cara, zonas e coitelas que deben empregarse, no schooling e no traballo de ramal, tanto no referido a tempos como a modo de realizalo axeitadamente.

Estrea mundial como formador
Este curso de presentadores celebrado na Feira Internacional de Galicia ABANCA será o primeiro que imparta Giacomo Capacci, estreándose a nivel mundial como formador, de man da Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes

Este recoñecido adestrador e presentador conta cun centro propio en Cortona (Italia), o Giacomo Capacci Arabians, creado no ano 2005, o cal representa os mellores programas de cría e reprodución de cabalos árabes a nivel mundial e polo que teñen pasado para o seu adestramento oito exemplares campións do mundo (Gold Word Champion), presentados por Capacci. Ademais de contar  cun amplo historial de títulos nacionais e internacionais que segue aumentando, posúe como presentador varios títulos de Campión do Mundo do Salón do Cabalo de París, o maior galardón e  recoñecemento existente que pode acadar un cabalo árabe de show.
 
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal