Salimat Abanca e o Clúster Alimentario de Galicia renovan o seu acordo para potenciar os Encontros de Compradores do salón


Silleda, 16 de xaneiro de 2017.- O director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, e o xerente do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Roberto Alonso, renovaron hoxe o acordo asinado por ambas entidades en decembro de 2015, mediante o cal uniran as súas forzas para incidir na profesionalización da pasada edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA 2016, e potenciar os seus Encontros  Internacionais de Compradores.

Con esta ratificación, que tivo lugar nas instalacións do Clúster en Santiago de Compostela,  dase continuidade a este esforzo conxunto que pretende seguir reforzando o certame na súa vindeira edición, a cal terá lugar do 8 al 11 de xuño. Así, en virtude deste acordo o Clusaga dirixirá  de novo a organización dos Encontros de Compradores do salón, aportando a súa experiencia para seleccionar aqueles importadores máis importantes dos países con maior interese para a oferta alimentaria presente na feira.  

Deste modo, o convenio, que na pasada convocatoria permitiu incrementar notablemente a calidade dos compradores participantes nos Encontros, volverá a maximizar en SALIMAT ABANCA 2017 a efectividade destas reunións de negocio. Estas ascenderon en 2016 a máis de 1.400 (un 27% máis que na anterior edición) entre 94 expositores e 27 importadores, distribuidores e restauradores de 6 países.

Así mesmo, tras a boa experiencia da pasada edición, o Clúster deseñará  unha vez máis no marco dos Encontros unha axenda de visitas a fábricas. Nelas os importadores coñecerán de primeira man os centros de produción de diversas empresas alimentarias e bodegas galegas.

Área expositiva

Por outra banda, a través deste acordo quérese seguir fortalecendo a área expositiva do salón, polo que dende a entidade feiral incentivarase de novo a presenza dos socios do Clúster Alimentario de Galicia cun desconto para eles dun 30% no custe do espazo feiral.

Así, o convenio contribuirá a incrementar as boas cifras que a exposición de SALIMAT ABANCA rexistrou en 2016, cun 14% máis de empresas presentes respecto á edición de 2015 e un 20% máis de superficie neta, contando ademais coa presenza de importantes firmas de distribución, como Gadis, Vegalsa-Eroski e Carrefour, que tamén participaron nos encontros de negocio. Un crecemento expositivo que se debe en boa medida a estes Encontros de Compradores, unha plataforma comercial que conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e que potencia a vertente profesional e de negocio do certame durante xoves e venres, compatible por outra banda coa súa orientación para o gran público a fin de semana.

Clúster Alimentario de Galicia

O Clúster, centrado nun dos sectores estratéxicos da Comunidade, agrupa aos principais axentes da cadea de valor dos alimentos e as bebidas, co obxectivo de contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sostible, internacionalización e mellora da competitividade do sector en Galicia.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal