Equina 2016 rematou tras tres días de competicións e a participación de máis de 200 exemplares equinos


Silleda, 20 de xuño de 2016.- Equina 2016, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Federación Hípica Galega e a Fundación Semana Verde de Galicia, rematou hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA tras tres días de competicións e a participación de máis de 200 exemplares equinos, na súa maioría de pura raza española.

Este mediodía entregáronse os premios do II Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia un concurso morfofuncional no que participaron 160 exemplares de numerosas puntos da comunidade galega e tamén de Toledo, Madrid, Segovia, Ávila, Salamanca, Valladolid, León, Cantabria, Asturias, Zamora e Badaxoz. Unhas cifras que supuxeron un 23% máis de animais que na pasada edición, convertendo a este Campionato no de maior participación no norte de España.

O Campión do Concurso foi Resuelto Cen, de Yeguada Centurión (Segovia), mentres que a Campiona do Concurso foi Atrevida MIBXI, de Ganadería Santos Pereira (Ponte Caldelas – Pontevedra). Os Subcampións foron, en machos, Gracioso D, de Yeguada Swen Uwe (Xinzo de Limia – Ourense), e en femias, Hacendada Maynou, de Yeguada Casa Romero, de  A Coruña.

En canto ao Campión Xoven do Concurso foi Atlántico de Vida, da gandería Villanueva Dacasa (Arzúa- A Coruña) e a Campiona Xoven Salvia de Centurión, de Yeguada Centurión. Os Subcampións Xóvenes foron, en marchos o exemplar Noble FS, de Yeguada Arroyomonte (Ávila), e en femias Rociera de Vida, de gandería Villanueva Dacasa.

O campión de Mellores Movementos foi a femia Atrevida MIBXI, de Ganadería Santos Pereira, mentres que o subcampión foi o macho Atlántico de Vida, da gandería Villanueva Dacasa. En Funcionalidade o campión foi Resuelto Cen, de Yeguada Centurión, e o subcampión Holandés Mon, de Yeguada Swen Uwe.

Os mellores Poldra e Poldro Nacidos en Galicia foron, respectivamente Rociera de Vida, de gandería Villanueva Dacasa, e Quitasueños PG , da gandería Patiño Guillán (Vilagarcía de Arousa - Pontevedra).

En canto á Mellor Gandería e Mellor Expositor, acadou ambos recoñecementos a Yeguada Centurión, mentres que o segundo Mellor Expositor foi Yeguada Swen Uwe. O Mellor Presentador foi Roberto Ares Mosquera.

Neste concurso, celebrado baixo o regulamento da Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE) é clasificatorio para a final do campionato do mundo que se celebrará do 15 ao 20 de novembro en Sevilla, no Salón Internacional del Caballo (SICAB)

Na entrega de premios deste II Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, estivo presente a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, que, entre outros galardóns, entregou os de Campiona do Concurso e Mellor Gandería e Expositor. Así mesmo, fixeron entrega de premios Ana Luísa González, concelleira de Deportes do municipio de Silleda; Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia; José Maril, expresidente da Fundación; Manuel Benavides, presidente de Accega, e outros membros da directiva desta asociación.

I Concurso de Enganches Open-Indoor de Galicia

Ademais deste campionato, Equina 2016 acolleu onte pola tarde o I Concurso de Enganches Open-Indoor de Galicia, desenvolvido pola Federación Hípica Galega. Esta proba, a primeira que se celebra na comunidade debido ao crecemento do número de afeccionados galegos e das demandas de licencias de enganche, acolleu dúas modalidade Limonera, enganche cun cabalo, e Troncos, con dous cabalos.

Na modalidade de Limonera venceu Francisco Silva, de Padrenda (Ourense), sendo o segundo posto para Enrique Sierra, de Arbo (Pontevedra), e o terceiro para Fernando Trillo, de Arteixo (A Coruña).

Na modalidade de Troncos o gañador foi Manuel Nistal, de Lalín (Pontevedra), mentres que o segundo foi Carlos Otero, de A Coruña, e o terceiro en Agustín Formoso, de Maceda (Ourense).

En total competiron 12 equipos da catro provincias galegas, os cales disputaron dúas mangas nas que tiveron que facer o percorrido marcado na proba no menor tempo posible sen tocar os obstáculos dispostos na pista.

XVIII Copa ACCEGA de Doma Clásica

A estes dous concursos sumouse neste evento a XVIII Copa ACCEGA de Doma Clásica, no cal participaron 15 binomios en case todos os niveis, dende o 1, no que compiten os máis pequenos, ata o San Jorge, considerado de alta competición.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal