Catro mil persoas desfrutaron do festival de orquestras Closing Tour 2017


Silleda, 10.12.2017.- O festival Closing Tour volveu a converterse onte en cita de referencia para os afeccionados á música de orquestra, reunindo de novo no pavillón 1 da Feira Internacional de Galicia ABANCA a 4.000 persoas que acudiron a desfrutar das actuacións de Panorama, París de Noia e Marbella. Unha vez máis o público desprazouse dende todas as provincias galegas pero tamén dende comunidades limítrofes como Asturias ou Castela e León.

Esta sexta edición do evento, organizado pola empresa Piñeiro Pub, abriu as súas portas ás 21.30h e deu comezo pasadas ás 22.00h. Foron en torno a nove horas de música  nas que cada unha das orquestras realizou un primeiro pase de 1 hora e 45 minutos de duración para logo facer un segundo de 1 hora e 15 minutos. En canto á orde, en ambos pases foi Marbella a primeira formación en actuar, sendo logo a quenda de París de Noia e, por último, a de Panorama.

A encargada de poñer en marcha o festival, a orquestra Marbella, presentou o seu novo vestiario e o seu escenario ao completo, coa máis moderna tecnoloxía e grandes dimensións. Ademais, mostrou a importante renovación da súas filas, na que destaca a incorporación de tres novos cantantes, Carlos Lage, Naiara González e Fernando Bouza. Durante o festival toda a formación adiantou o que será o estilo de Marbella para esta nova etapa, que se caracterizará pola variedade e a actualidade dos seus temas, cos que pretenden facer desfrutar a todos os públicos. Así, interpretaron xa novas versións como La Isla del Amor, de Demarco Flamenco, ademais de temas da pasada tempada de gran actualidade, como Súbeme la Radio, de Enrique Iglesias.

París de Noia, tamén cunha importante remodelación interior do escenario e novo vestiario, contou para a súa actuación coas súas cinco novas fichaxes, o batería Daniel Zaldívar, o trompeta Jorge Denis Lopera, o bailarín Boris Yeiko Rodríguez e os cantantes Zeus R.B e Oliver Pérez Escoba. Todo eles interpretaron versións de temas con gran éxito nos últimos meses, como Safari, de J. Balvin, ou Chantaje, de Shakira, pero tamén adaptacións da orquestra como París pa Ti. Ademais, estrearon temas como Treasure, de Bruno Mars, ou A lo Loco la París, unha nova adaptación desta formación musical.

Pola súa banda, Panorama volveu ao Closing Tour na recta final da súa xira Dreams Tour, que levou á orquestra a percorrer media España esta tempada. No festival os asistentes puideron desfrutar de todo o seu elenco de artistas, os cales puxeron sobre o escenario un espectáculo con gran enerxía e temas de máxima actualidade.  Así, tras o inicio con The Show Must Go On, de Queen, e El Ciclo de la Vida, de El Rey León, Panorama incluíu coa súa Hora Loca un espazo para lembrar en ton de humor as cancións do verán de fai algúns anos. Ademais, ofreceron versión de cancións tan destacadas este ano como Despacito, de Luis Fonsi, ou Shape of You, de Ed Sheeran.

O público do festival puido desfrutar de todo isto nun pavillón totalmente climatizado e con servizo de restauración e roupeiro, ademais de dispor de aparcadoiro gratuíto dentro do recinto.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal