Equina 2018 rematou hoxe tres días de actividade coa entrega de premios do IV Campionato de España de Pura Raza Española


Silleda, 17.6.2018.- O evento ecuestre Equina 2018, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, rematou hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA tras tres días de intensa actividade nos que participaron máis de 200 exemplares equinos.

Este mediodía entregáronse os premios do IV Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, unha proba morfofuncional que foi o eixo central deste evento e que contou coa participación de máis de 160 exemplares pertencentes a 40 ganderías procedentes de distintos puntos de Galicia e doutras nove Comunidades Autónomas, como son Asturias, Cantabria, País Vasco, Madrid, Castela e León, Castela-A Mancha, Extremadura, Cataluña e Andalucía. Converteuse no primeiro concurso do norte de España en numero de ganderías inscritas, entre as que figuraban moitas das máis importantes de España.

O acto de entrega contou coa participación de Daniel Benavides Alonso, xefe do Servizo de Deportes da Xefatura Territorial de Pontevedra-Vigo, quen foi o encargado de entregar algúns dos principais galardóns do concurso.

O Campión do Concurso foi Belmonte Torreluna, da Ganadería Santos Pereira (Ponte Caldelas, Pontevedra)  mentres que a Campioa do Concurso foi Inédita de Torres, de Yeguada Muela Ayala (Sevilla). Os Subcampións foron, en machos, Querello de la Vega, da gandería Arturo Fernández de la Vega Senra (Lugo) e en femias Talaverana RJ, da gandería Diego Blanco Alfonso (Teo, A Coruña).

En canto ao Campión Xoven do Concurso foi Ladroncillo, de Yeguada Pedro Nimo del Oro (Santiago) e a Campioa Xoven Oria de Vida, de Ganadería Jocha (Arzúa, A Coruña). Os Subcampións Xóvenes foron, en machos Satélite VIII, de Ganadería Ricardo Cao López (A Coruña), e en femias Tica de Vida, de Ganadería Villanueva Dacasa (Arzúa, A Coruña)

Os campións adulto e xoven de Mellores Movementos foron, respectivamente, Belmonte Torreluna, de Ganadería Santos Pereira e Astuta RJ, de Yeguada La Ciervina (Cáceres). En Funcionalidade o campión foi Querello de la Vega, de Ganadería Arturo Fernández de la Vega Senra, e o subcambión Gringo Mon, de Yeguada La Montaraza (Burgos).

En canto á Mellor Gandería Criadora, neste campionato resultou gañadora Yeguada La Ciervina, sendo o Mellor Expositor Yeguada La Montaraza.

Por outra banda, nos premios concedidos por Accega dentro deste concurso os mellores poldro e poldra nacidos en Galicia foron, respectivamente, Satélite VIII e Oria de Vida.

Este Campionato, celebrado baixo o regulamento da Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE), foi clasificatorio para a final do campionato do mundo que se celebrará do 13 ao 18 de novembro en Sevilla, no Salón Internacional del Caballo (SICAB).

Ademais, este mediodía Equina 2018 acolleu unha exhibición de doma vaqueira e unha actuación da singular agrupación Os Coribantes.

XX Copa Accega de Doma Clásica

Por outra banda, Equina 2018 acolleu onte pola tarde a XX Copa  Accega de Doma Clásica, á que concorreron máis de 30 binomios (cabalo e xinete ou amazona) de distintos puntos de Galicia e España. Incluíu dende o nivel 0, no que competiron os máis pequenos, ata o San Jorge, de alta competición.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal