Medio centenar de parapentistas participan mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA nunha actividade sobre a seguridade no voo


  • REALIZARANSE SIMULACIÓNS DE CAÍDAS DESCONTROLADAS E LEVARASE A CABO UNHA CHARLA SOBRE COMO ACTUAR ANTE UNHA POSIBLE INCIDENCIA

Silleda, 2.2.2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle mañá unha actividade relacionada coa seguridade dos practicantes de voo en parapente. Nela participarán medio centenar de parapentistas procedentes de distintos puntos da xeografía galega. 

Consistirá na realización de simulacións dunha caída descontrolada para probar a eficacia e correcto funcionamento do paracaídas de emerxencia, co posterior pregado deste. Efectuaranse coa axuda dunha tirolina duns 100 metros instalada no interior do pavillón 2 do recinto.

Así mesmo, levarase a cabo unha charla a cargo de Jesús López, coñecido no mundo do parapente como Jesús El Canario, un veterano deste deporte e experto en acrobacia que explicará aos asistentes como actuar ante unha posible incidencia durante o voo.

Esta actividade, que comezará ás 09.00 horas e rematará sobres as 18.00 horas, está organizada polo Club Parapente La Térmica, situado en Pontevedra, e conta coa colaboración de Desafío Deportes de Aventura, un grupo de pilotos locais e a Fundación Semana Verde de Galicia.

Iniciativa con continuidade

Esta é a primeira edición celebrada no municipio de Silleda. Sen embargo, a intención da organización é que se repita todos os anos nestas datas, xusto antes do comezo da tempada de voos. Deste xeito, os pilotos de parapente poderán comprobar o bo funcionamento do sistema de apertura do paracaídas, ademais de coñecer outros aspectos sobre a resposta que se debe dar ante unha situación de emerxencia.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal